domingo, 18 de agosto de 2013

CRUCEIRO DO HIO


O cruceiro do Hío é sen dúbida o máis emblemático e elaborado dos cruceiros galegos [1]. Está situado na praza que se abre fronte á igrexa de Santo André, románica do século XII, na parroquia do Hío, concello de Cangas.
Os especialistas atribúeno á man de Xosé Cerviño García, tamén chamado Pepe da Pena, pero cómpre indicar que outros negan esta autoría e consideran como autor a Ignacio Cerviño Quinteiro, outro canteiro e escultor da mesma época que aquel. Foi tallado en 1872, cando aínda o artista non cumprira os 30 anos, nunha soa peza de granito, salvo algunha figura exenta.
 A escena principal reflicte o descendemento ou desencravo de Cristo. A figura central, naturalmente, é Xesús, xa morto, ó que baixan da cruz suxeito cunha tea por baixo dos brazos. Dous homes encaramados nos brazos da cruz, Xosé de Arimatea (propietario do sepulcro onde se enterraría a Xesús) e Nicodemo (un fariseo próximo a Xesús), suxeitan o pano e descenden o corpo de Cristo ás mans de San Xoán que, no pé da cruz, cólleo polas pernas. A San Xoán acompáñano a Virxe e de María Magdalena, aínda que hai quen di que son as tres Marías. Dous anxelotes completan o grupo.
 O estado de conservación do cruceiro é relativamente bo, aínda que sofre importantes crecementos de liques que colonizan amplas zonas. Sufriu tamén o trato irrespectuoso dos turistas, que chegaron a romper algunha das figuras, que tiveron que ser reparadas ou substituídas nas diferentes intervencións que se fixeron (parece ser que as figuras de Adán e Eva do fuste son obra de Manuel Coia, un escultor de Nerga, outro lugar da mesma parroquia).